O profesorado do IES Chan do Monte de Marín continúa a fortalecer os lazos de colaboración internacional a través do programa Erasmus+. Nesta ocasión, os nosos compañeiros José Luis Aragón e Juan Jesús Pazos desprazáronse ata o ITS Emporium del Golfo para coñecer de primeira man o seu funcionamento e seguir avanzando nas liñas de traballo conxunto iniciadas durante a súa visita ao noso centro.

A estancia resultou moi produtiva, permitindo afondar no coñecemento das instalacións, proxectos e metodoloxías que desenvolven neste centro educativo. Durante a visita, puideron intercambiar impresións co profesorado local e explorar novas posibilidades de colaboración nos ámbitos agropecuario, tecnolóxico e turístico, reforzando así as sinerxías xa existentes.
Ademais, tiveron a oportunidade de participar en distintas actividades e demostracións prácticas, que puxeron de relevo a aposta do ITS Emporium del Golfo por unha formación innovadora e conectada co tecido produtivo da súa contorna.
Este tipo de mobilidades non só enriquecen a experiencia profesional do noso profesorado, senón que tamén repercuten directamente na calidade da formación que ofrecemos ao noso alumnado, abrindo novas perspectivas e fomentando unha visión máis internacional da educación.
Queremos agradecer ao centro siciliano a súa acollida e disposición, e agardamos seguir construíndo xuntos novos proxectos que beneficien a toda a comunidade educativa.
Leave a Reply