Esta é a crónica da produtiva e enriquecedora visita do noso profesor José Domínguez ao agrupamento escolar de Arraiolos en Portugal, pertiño de Évora e a medio camiño de Lisboa e Badajoz, no marco das nosas mobilidades Erasmus+. Foi unha xornada magnífica que combinou o intercambio estritamente técnico co descubrimento do valioso patrimonio cultural da rexión do Alentejo.
Unha xornada de tecnoloxía, redes e ideas de futuro
A xornada comezou coas presentacións oficiais entre os membros do staff de ambas as dúas institucións, un momento clave para estreitar lazos e establecer as bases de futuras colaboracións académicas.
Acto seguido, pasamos á acción nas aulas. Nunha clase de primeiro de secundaria, tivo lugar un dinámico intercambio de ideas centrado na creación dun proxecto de Active Directory utilizando Samba e Debian, un reto tecnolóxico que espertou moito interese entre o alumnado.

O itinerario continuou coa presentación da pantalla de divulgación informativa do centro, un dispositivo que o propio alumnado se encargou de programar e poñer en marcha utilizando unha Raspberry Pi con Ubuntu. Este proxecto ten un significado moi especial para nós, xa que nace dunha idea recollida orixinalmente na nosa escola, o IES Chan do Monte, e permitiu que ambas as dúas institucións compartamos o código en Python para facelo posible.

Xusto despois desta presentación, trasladámonos á aula dos alumnos que estiveron en Marín. Alí tivo lugar un enriquecedor brainstorming arredor das ideas compartidas entre os centros. Pensando nos vindeiros pasos, acordouse que no futuro se vai levar a cabo unha implantación de ferramentas de monitorización e control de aulas, polo que aproveitamos o encontro para comentar e profundar nos aspectos técnicos de solucións como Veyon e Zabbix.
Tradición, historia e as paisaxes do Alentejo
Tras un reconfortante xantar de confraternización no comedor escolar (máis de 300 persoas xantan alí todo os días con comida feita no lugar), a tarde estivo dedicada a coñecer a contorna e a cultura local. O profesor Rui Rebocho exerceu de magnífico guía pola vila, amosándonos o encanto das súas rúas.
Durante o paseo, tivemos a oportunidade de coñecer a Ana Tomás, quen nos introduciu de cheo no museo que destapa a fascinante historia e elaboración das famosas alfombras (ou tapetes) de Arraiolos, unha das tradicións artesanais máis importantes e recoñecidas de Portugal..Obviamente fixemos o intercambio de recordos pertinente coa Sra.Vereadora da Educação

Para culminar a xornada cultural, visitamos a maxestosa Igrexa da Misericordia e subimos ao histórico Castelo, o lugar idóneo para contemplar a impresionante panorámica e o singular emprazamento da vila no corazón do Alentejo.
Unha experiencia inmellorable que volve demostrar o valor do programa Erasmus+ para abrir fronteiras, compartir coñecemento técnico de vangarda e enriquecernos a nivel humano. Grazas aos nosos compañeiros portugueses pola súa inmellorable hospitalidade!

Nos próximos días continuaremos a traballar cóbado con cóbado co alumnado e profesorado portugués para aportar ideas e levar outras tantas!