O mércores foi día de “greve xeral” en Portugal e, aínda que moitas actividades quedaron paralizadas en todo o país, a nosa axenda de colaboración seguiu adiante.

Achegámonos igualmente á escola para poñer en común as ideas de formación co grupo de primeiro de secundaria, acompañados polos profesores Ivo e Sergio. Durante esta xornada de traballo, definimos os pasos precisos a dar de cara ao futuro e analizamos que aproveitamento e adaptación poden ter as nosas ferramentas no seu propio contexto educativo.

Innovación nos espazos: laboratorios, biblioteca e estimulación sensorial
Esta mobilidade tamén me permitiu descubrir polo miúdo todas as aulas e laboratorios que non tivera oportunidade de ver os primeiros días, recollendo excelentes ideas de varios colegas portugueses. Chamou especialmente a miña atención unha aula dedicada á estimulación sensorial do alumnado, unha iniciativa integradora que creo que podería ser moi atractiva e beneficiosa para o noso centro.

Así mesmo, a organización dos laboratorios, a distribución do mobiliario e o deseño da biblioteca resultaron sumamente inspiradores e servirán sen dúbida como punto de partida para propor futuros cambios e melloras nos nosos propios espazos en Marín.


Évora, tradición viva e música con aroma a terra
Cambiamos temporalmente as aulas pola historia cunha enriquecedora visita cultural á veciña e monumental cidade de Évora.

Xa de volta en Arraiolos, a última hora do día, asistimos —xunto cos profesores Rui e Dina— á inauguración dos actos do “tapete na rúa”. Trátase dunha festa de vital importancia para a comunidade, que serve para prestixiar e poñer en valor o admirable traballo do artesanato e das alfombras locais, enchendo a vila de cor e identidade.