De prácticas en Rumania!!

, , Leave a comment

Este mes de novembro dous profesores do IES Chan do Monte, Juan Pazos e Óscar Núñez, fixemos unha viaxe a Rumanía. A visita enmarcouse dentro dunha mobilidade de tipo job shadowing ao Liceul Tehnologic Vasile Sav, un centro educativo na cidade rumana de Roman. Chegamos a Roman o luns, e alí coincidimos con colegas doutro proxecto Erasmus, chegados de diferentes países europeos (Bélxica, República Checa, Eslovaquia, Grecia, etc.) e todos nós participamos nunha recepción oficial no Concello presidida polo alcalde da cidade.

Ao longo deses primeiros días de visita, e da man do persoal do centro, tivemos oportunidade de coñecer mellor a cidade (a biblioteca e o parque municipal) e os seus arredores, cunha excursión organizada ao Lacul Rosu, nos Cárpatos, visitamos as instalacións do centro educativo onde un dos nosos alumnos do ciclo superior ASIR atópase facendo as prácticas do módulo FCT, e asistimos á presentación do proxecto dos colegas europeos cos que coincidimos, aproveitando para establecer novos contactos e practicar idiomas.

O mércores deixamos Roman e, en pleno día de difuntos, chegamos a Brasov, na rexión rumana de Transilvania. Alí visitamos outro dos nosos alumnos que tamén estaba a realizar prácticas de formación profesional, neste caso do ciclo medio de SMRA e nas instalacións dunha escola deportiva que o clube de fútbol do Celta de Vigo ten na cidade. Tamén alí tivemos ocasión de facer un pouco de turismo, visitando o Castelo de Bran e o castelo de Peles.

E por fin rematamos a viaxe na capital, Bucarest, a que foi coñecida como a París do leste, onde hai moitos monumentos que paga a pena visitar, e entre os que destaca polas súas dimensións o Palacio do Parlamento, que lembra ademais a ditadura comunista de Nicolae Ceaușescu.

 

Leave a Reply